Arquivos de: 2006
¿Liberalización de honorarios?
Leo o seguinte titular na edición dixital de El País do pasado venres 8 de decembro: los abogados de Vigo, pioneros en liberalizar los honorarios en España. A miña primeira reacción é de sorpresa: ¿pero os honorarios non son libres xa?
Como non pode ser menos, acudo, en primeiro lugar, ó Estatuto da Avogacía, que no seu artigo 44 establece que a contía dos honorarios será libremente convida entre cliente e avogado, con respecto ás normas deontolóxicas e a competencia desleal; engadindo a continuación que, a falta de acordo, acudirase ós baremos orientativos de honorarios. En Galiza, o Consello da Avogacía Galega aprobou 0 27 de setembro de 2001 o Baremo dos honorarios dos Colexios de Avogados de Galicia, que recolle no Capítulo I do seu Título Preliminar que "será aplicado...nos informes sobre impugnación de honorarios por excesivos, tanto nas condenas ás custas coma nas reclamacións de honorarios artigo 35 LAC, así coma en calquera outro dictame ou opinión corporativa sobre honorarios á falta de pacto ou acordo escrito entre as partes".
Logo, a cuestión é ben sinxela: o avogado pode pactar libremente co cliente os honorarios que deriven das súas actuacións, entrando o baremo orientativo en xogo única i exclusivamente en supostos puntuais. Entón, ¿a que se refire o artigo do xornal cando falta de liberalización de honorarios?
Pois a que os avogados pertencentes ó Colexio de Vigo (segundo din, para evitar posíbeis sancións provintes da Unión Europa) cobrarán libremente ós seus clientes o que acorden, sen ningún tipo de orientación de prezos de mercado, salvo en caso de condena ó pago das custas xudiciais. Realmente, a diferencia coa situación actual é moi sutil, na miña humilde opinión.
Varias son as dúbidas que xorden:
- ¿esta liberalización de honorarios será tamén aplicábel ó resto dos letrados que, aínda non sendo do colexio de Vigo, se habiliten no mesmo cando teñan xuízos dentro do seu ámbito?
- ¿como vai a repercutir isto no caso das xuras de contas? ¿se non hai fehaciencia do pacto, vai a dar o xulgado por bo, sen máis, o que o letrado solicite?
- ¿que pasa co pacto de cota litis, prohibido ate agora expresamente, non só pola normativa propia senón tamén pola xurisprudencia do Tribunal Supremo?
Unha última cousa: o acordo foi aprobado pola Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo, pero aínda ten que ser aprobado pola Xunta Xeral.
Unha de xuizo rápido
Como avogado que forma parte da quenda de oficio penal, no meu día de garda son avisada para asistir como acusación particular a unha vítima de malos tratos no ámbito familiar. Cando chego ó xulgado, entérome de que as partes xa declararon no de garda uns días antes, sinalándose o xuízo rápido no de violencia doméstica para ese día a esa hora. Varias son as cuestións que se me ocorre comentar:
En primeiro lugar, o sinalamento. Faíse pola Policía Nacional no momento da denuncia da perxudicada. Pero sen ter en conta a axenda do xulgado; que, curiosamente ten sinalados para ese día xuízos de faltas. Consecuencia: que a toma de declaración ás partes e a celebración do xuízo retrásase tres horas; curiosamente, por causas non imputábeis a ningunha das partes, nin sequera ó xulgado en cuestión. A miña primeira pregunta é ben sinxela: ¿por que na axenda xudicial non aparecen os xuízos de faltas xa sinalados para que a Policía os poida ter en conta ó citar ás partes? Se xa nos atopamos ante unha situación moi dura, non parece necesario alongala con esperas innecesarias.
En segundo lugar, plantéxanme dúbidas as propias garantías procesais dos xuízos rápidos en si. Xuízos, que foron introducidos no noso ordenamento penal pola Lei 38/2002 de 24 de outubro e Lei Orgánica 8/2002.
Aínda que hai casos nos que a investigación policial se pode considerar suficiente para que o xulgado (e as partes) se poidan considerar instruídos, non sempre é así. Entre outras cousas, porque neste tipo de asuntos o único co que se conta en moitas ocasións é coas declaracións de denunciante e denunciado; e, se cadra, con un parte de lesións. Pero apenas hai posibilidade, por exemplo, para citar e interrogar a posíbeis testemuñas, se estes non participaron xa nas dilixencias policiais.
E cando a parte denunciada admite os feitos que se lle imputan, pois non hai ningún problema. De feito, ate parece que a lei está redactada de xeito que induza ó imputado para recoñecer os feitos, vista a redución de condena (dun terzo) que se recolle no artigo 801 da lei de axuizamento criminal para o caso de que o acusado preste a súa conformidade no momento.
Pero, ¿e se non está conforme? ¿Salvagardase o dereito de defensa recollido no artigo 24 da Constitución? Eu non o teño moi claro; sinceiramente, non penso que se poida preparar unha defensa (ou unha acusación) cun mínimo de seriedade en tan pouco tempo como ás veces temos os avogados. Segundo a miña humilde opinión, a rapidez nunca debe primar sobre a seguridade xurídica e o dereito de defensa.
E todo isto, sen entrar na redacción actual do artigo 153 do Código Penal, ó que sen dúbida terei ocasión de referirme noutra ocasión.
Ex-muller
Hoxe empecei o día saíndo en coche a presentar uns escritos fora de Pontevedra. Coma sempre, levaba a radio posta, co que deseguida tiven coñecemento da que sería, de seguro, a nova do día: deteñen a Maite Zaldívar nunha nova fase da operación Malaya.
Descoñezo se hai ou non motivos para proceder a esa detención; pero, en calquera caso, non é ese o tema deste artigo, senón a referencia que se fai en todos os medios de cominación a esta señora como a ex-muller de outro dos detidos na mesma operación.
Tratándose como se trata de xente que está a miúdo na prensa rosa, todos estamos máis ou menos enterados da vida destas persoas; e quizais por "deformación profesional", eu presto moita atención cando no medio de cuestións totalmente banales se fala de cuestións xurídicas, pois me resulta moi curiosa a "seriedade" coa que periodistas (ou nin iso, depende do día e do medio de comunicación en cuestión) falan destos temas intentando dar sensación de seguridade no que din, e de ter uns coñecementos dos que carecen (como é lóxico, por outra banda) en moitas ocasións.
Por iso sei que os personaxes en cuestión están separados, e non divorciados. E, como profesional do dereito, sei que o vínculo matrimonial non se disolve coa separación, senón co divorcio (entre outras causas). É o artigo 85 do Código Civil o que regula a disolución do vínculo matrimonial, e sinala como causas da mesma a morte ou declaración de falecemento dun dos cónxuxes, ou por divorcio.
Penso que os medios de comunicación non deberían descoidar ningunha faceta da mesma; e se ben é certo que unha cuestión coma esta é totalmente secundaria, non está de máis a corrección se se fai referencia a ela. I é que, quéirano ou non, Maite Zaldívar segue a ser a muller de Julián Muñoz.
Tribunal Supremo e o dereito a un procedemento sen dilacións indebidas.
Tribunal Supremo e o dereito a un procedemento sen dilacións indebidas.
Fai uns días foime notificado un Auto da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo, na que se acordaba a inadmisión a trámite do Recurso de Casación presentado pola parte que resultou vencida nun procedemento seguido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ate aí, todo perfecto e vantaxosa para o meu cliente, salvo por un pequeno detalle: a resolución obxecto de recurso ditouse o 7 de abril de 2004, e o Auto do Tribunal Supremo foi notificada ás partes o 10 de outubro de 2006; ou sexa, só dous anos e medio despois.
É máis que evidente que este extraordinario retraso é moi perxudicial para a parte "vencedora". Neste caso, o administrado, quen se ve totalmente "desamparado" cando a parte vencida (a Administración neste caso), decide, exercitando lexitimamente os seus dereito de revisión dunha resolución xudicial, e o órgano xudicial encargado dun trámite tan sinxelo como é examinar a admisión ou non do Recurso de Casación presentado por unha das partes, demora máis de dous anos esa resolución.
¿Respecta o Tribunal Supremo os dereitos do administrado a unha tutela xudicial efectiva? Para min, non. E iso é moi grave, se temos en conta que, precisamente, o noso alto tribunal debería ser o encargado de, co seu exemplo á hora de administrar xustiza, facer que os demais órganos xudiciais non esquezan que o que para eles é un expediente máis, para os interesados é unha cuestión importante, e que merece o maior dos respetos e a dilixencia na súa tramitación. Sobre todo, cando se trata dun procedemento onde o cidadán pleitea coa Administración.
Neste caso en concreto, o procedemento iniciouse xa no ano 1999 coa resolución dun concello denegando unha licenza de obras. A "inocencia" dos administrados, e a súa confianza en que a Administración pode revisar os seus propios actos cando "se lles fan ver os seus erros", nos leva moitas veces ós avogados a expor uns recursos de alzada que nunca son estimados. Perdendo así, visto o visto, un tempo precioso para acudir directamente ó procedemento contencioso-administrativo. Se a todo isto engadimos unha cuestión de competencia que se considerou ante a pouca claridade dalgúns artigos da Lei 29/98 da xurisdición contencioso-administrativa, que demorou o procedemento aínda máis, o tempo pasa sen que o interesado consiga entender como pode tramitarse con tanta lentitude un procedemento. sobre todo, cando os prazos que a Administración lle pide son sempre improrrogábeis.
Só a modo de curiosidade, dicir que ante a presentación polo contrario do Recurso de Casación só se me ocorreu pedir, ó abeiro do artigo 91 da citada lei, a execución provisional da sentenza. Execución que me foi denegada polo Tribunal Superior de Xustiza, e que, como é lóxico, ó amparo do artigo 89.1 recorrín en casación en xullo do pasado ano, e que calculo que para principios do 2008 será ou non admitido a trámite... Por sorte, a inadmisión do Recurso de Casación presentado polo Concello fai que iso xa non teña importancia, pero, ¿e se non fose así?
Agora empeza a fase de execución de sentenza, que se xa de por si é lenta e complexa cando os litigantes son particulares, cando unha das partes é unha administración a cousa pode demorarse aínda moito máis.
Benvida
Esta maña, mentres escoitaba na radio a entrevista que lle facían a un moi relevante avogado (non, non lle vou a facer publicidade, el non a necesita), pensaba que diferente ten que ser o seu día a día do meu, a súa relación cos clientes, cos xuíces (¿falará algunha vez cun funcionario?)... coa lei en xeral.
Cos colegas que se adican a isto comento moitas veces o ingrata que pode chegar a ser unha profesión tan vocacional coma esta para un avogado digamos "tradicional", que no seu despacho atende ó seu cliente que un día ten un problema co lindeiro dunha leira, e ó día seguinte quere divorciarse, por exemplo. Pero tamén, o grato que resulta axudar á xente a solucionar os seus problemas, aínda que iso nos leve, en máis dunha ocasión, a rematar o día tan cansos que nin sequera teñamos tempo a pensar nas nosas cousas.
Por iso, e por moitas cousas máis, esta bitácora pretende dalgún xeito ser o "diario" onde vaia deixando as miñas experiencias persiñas, por se a alguén lle apetece compartilas, e como non, comentalas.

