Detalles do post: ¿Liberalización de honorarios?
¿Liberalización de honorarios?
Leo o seguinte titular na edición dixital de El País do pasado venres 8 de decembro: los abogados de Vigo, pioneros en liberalizar los honorarios en España. A miña primeira reacción é de sorpresa: ¿pero os honorarios non son libres xa?
Como non pode ser menos, acudo, en primeiro lugar, ó Estatuto da Avogacía, que no seu artigo 44 establece que a contía dos honorarios será libremente convida entre cliente e avogado, con respecto ás normas deontolóxicas e a competencia desleal; engadindo a continuación que, a falta de acordo, acudirase ós baremos orientativos de honorarios. En Galiza, o Consello da Avogacía Galega aprobou 0 27 de setembro de 2001 o Baremo dos honorarios dos Colexios de Avogados de Galicia, que recolle no Capítulo I do seu Título Preliminar que "será aplicado...nos informes sobre impugnación de honorarios por excesivos, tanto nas condenas ás custas coma nas reclamacións de honorarios artigo 35 LAC, así coma en calquera outro dictame ou opinión corporativa sobre honorarios á falta de pacto ou acordo escrito entre as partes".
Logo, a cuestión é ben sinxela: o avogado pode pactar libremente co cliente os honorarios que deriven das súas actuacións, entrando o baremo orientativo en xogo única i exclusivamente en supostos puntuais. Entón, ¿a que se refire o artigo do xornal cando falta de liberalización de honorarios?
Pois a que os avogados pertencentes ó Colexio de Vigo (segundo din, para evitar posíbeis sancións provintes da Unión Europa) cobrarán libremente ós seus clientes o que acorden, sen ningún tipo de orientación de prezos de mercado, salvo en caso de condena ó pago das custas xudiciais. Realmente, a diferencia coa situación actual é moi sutil, na miña humilde opinión.
Varias son as dúbidas que xorden:
- ¿esta liberalización de honorarios será tamén aplicábel ó resto dos letrados que, aínda non sendo do colexio de Vigo, se habiliten no mesmo cando teñan xuízos dentro do seu ámbito?
- ¿como vai a repercutir isto no caso das xuras de contas? ¿se non hai fehaciencia do pacto, vai a dar o xulgado por bo, sen máis, o que o letrado solicite?
- ¿que pasa co pacto de cota litis, prohibido ate agora expresamente, non só pola normativa propia senón tamén pola xurisprudencia do Tribunal Supremo?
Unha última cousa: o acordo foi aprobado pola Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo, pero aínda ten que ser aprobado pola Xunta Xeral.
Comentarios:
Aínda non hai Comentarios para este post...
This post has 5 feedbacks awaiting moderation...
Facer comentario:

