Buscar

Últimos comentarios

Xaneiro 2007
Lun Mar Mér Xov Ven Sab Dom
<< < Current > >>
1 2 3 4 5 6 7
8 9 10 11 12 13 14
15 16 17 18 19 20 21
22 23 24 25 26 27 28
29 30 31        

Linkblog

b2evolution

  • SC Avogados

    Permalink

  • A Alma da Toga en castellano

    Permalink

En liña

  • Guest Users: 1

Sindicar esta bitácora


b2evolution
deseñada por LanVacation
evoskin por Danny Ferguson

Arquivos de: Xaneiro 2007

Parella de feito e pensión de viuvedade

Leo en El País o seguinte titular: sen voda non hai pensión.

Leo con atención a nova, pois é un tema que me interesa non só a nivel profesional, senón tamén pola súa transcendencia social. A cuestión é que o Instituto Nacional da Seguridade Social nega a pensión de viuvedade ás persoas do mesmo sexo que convivían con anterioridade á entrada en vigor da Reforma do Código Civil que lles permitiu contraer matrimonio.

Non estou dacordo con isto; penso que, se segundo o artigo 14 da Constitución todos somos iguais ante a lei, non pode permitir o noso ordeamento xurídico a discriminación por cuestión de preferencias sexuais. Así pois, e como di o artigo do xornal, se se trata de persoas que querendo contraer matrimonio non puideron, xa que a lei non o permitía, é razoábel facer unha interpretación das normas, tal como di o artigo 3 do Código Civil, que non produza discriminación algunha. Certo que a lei establece que terá dereito á pensión de viudedade o cónxuxe supervivente; pero cando non se permite a dúas persoas do mesmo sexo contraer matrimonio, ¿por que non intentar subsanar esa situación por medio dunha interpretación ampla da lexislación existente?

Cuestión moi distinta é, para min, a equiparación das chamadas parellas de feito ó matrimonio cando se trata de persoas de distinto sexo, e sei que o que estou a dicir non é politicamente correcto. Entendo que, cando só existía o matrimonio canónico, as ideas ou crenzas de cada un lle impediran, por coherencia, non contraelo; ou que se lles de cobertura legal ás situacións de convivencia cando non se permitía o divorcio. Pero hoxe en día, ¿que diferencia pode haber entre un matrimonio e unha parella de feito? ¿Tan distinto é apuntarse nunha lista no Concello ou firmar un documento na Notaría, que unha acta de matrimonio no Rexistro Civil? ¿Por que a xente lle ten tanto medo a unha palabra?

Porque, o queiran ou non, os que se constitúen formalmente en parella de feito o único que queren, é, ó fin e ó cabo, os mesmos beneficios que puideran derivar do matrimonio; pero, iso si, sen que tal denominación apareza por ningures: ¿non é iso un pouco incoherente? Paréceme ben que unha parella conviva sen casar; é unha opción de vida como calquera outra, e que debe ser respectada por todos. Pero o que non me parece tan ben é que, despois, intenten que se lles apliquen as mesmas normas que ós matrimonios cando libre e voluntariamente decidiron non ser tal.

Xa o dixen antes, paréceme un pouco incoherente. Ademais, se legalmente se equiparan ambas figuras, ¿que necesidade hai de que sigan existindo as dúas? E, en caso de desaparecer algunha, ¿cal sería?

476 Palabras . Salomé Cancela . 23/01/07 . 13:09 . Permalink . Email . 342 views . Facer comentario

A pena de morte

A nova coa que me deitei o venres pasado fíxome, unha vez máis aledarme de non vivir nun país onde exista a pena de morte, xa que foi abolida expresamente pola Constitución do 1978 no seu artigo 15.

Non é a miña intención defender aquí a figura de Sadam Hussein, nin moito menos. Pero non podo evitar pensar se a súa execución serve para algo. No noso ordenamento xurídico, as penas están orientadas cara a reeducación e a reinserción social; e aínda que todos sabemos que moitas veces isto queda só en boas intencións, o espírito da nosa lei lévamos a non considerar o dereito penal só como un castigo ou unha vinganza, senón como un modo (imperfecto, sen dúbida) de intentar que quen cometeu un delito reflexione sobre a súa conducta e non volte repetilo. Xa, sei que é un modo un tanto inxenuo de concibir o dereito penal; pero o contrario, convertelo nunha vinganza, nun mero castigo polos feitos cometidos, lévanos ó vello ollo por ollo, dente por dente que só nos conduce a unha espiral de castigo e violencia continuos.

Por iso non estou de acordo coa pena de morte; por iso, e porque penso que ninguén ten lexitimidade para quitarlle a vida a ninguén.

225 Palabras . Salomé Cancela . 05/01/07 . 14:49 . Permalink . Email . 220 views . 1 comentario