Arquivos de: Febreiro 2007
Imputado por vinganza
Un dos imputados no xuízo polo atentado do 11-M alega que está sentado no banquiño por vinganza.
Seica fai uns anos, axentes da Policía Nacional intentaron reclutalo como confidente, ó que el se negou. En consecuencia, despois do brutal atentando, lembráronse del e detivérono como un dos autores materiais do mesmo. Sen comentarios.
Pensando nas escusas que os detidos ou imputados dan en ocasións para tratar de xustificar a súa situación, veume á cabeza un asunto de fai uns anos, onde ó meu cliente era acusado de forzar unha máquina tragaperras nun bar e de levarse os cartos que había nela. A proba principal para proceder á súa detención, por non dicir a única, foi que no interior da máquina en cuestión se atoparon as súas pegadas dixitais. Mentres preparabamos o xuízo, díxome moi serio que el era inocente, que non cometera os feitos dos que o acusaban, e que as súas pegadas as colocaran alí os axentes de Policía, que lle tiñan manía porque unha vez, nunha detención anterior, conseguira escapar da comisaría. Conseguín manter o tipo para dicirlle, coa mesma seriedade, que eu iso non llo dicía ó xuíz... ó que contestou que el tampouco.
Vese que neste caso non pasou o mesmo. Hei de dicir que aínda que sigo con certa atención o xuízo, non teño unha idea preconcibida de se todos e cada un dos imputados son ou non culpábeis; pero ante declaracións coma esta non podo senón pensar na escusa que quen máis quen menos lle deu un día ós seus pais: "é que o profesor tenme manía..."
Un mal día...
O día a día dun pequeno avogado non sempre é gratificante; pero se a maiores leva asuntos laborais, e defende á empresa e non ó traballador, como en ocasións é o meu caso, a cousa aínda se complica un pouco máis. Esto ven a conta por algo que me pasou un día destes nun xulgado do social, do que, evidentemente, non vou a dar ningún dato.
Como dicía, eu ía defendendo os intereses dun empresario nun procedemento onde o traballador solicitaba a rescisión do contrato de traballo ó abeiro do artigo 50 do Estatuto dos traballadores (esto é, incumprimento por parte da empresa das súas obrigas). Si algo aprendín é que cando o empregado senta no banco do xulgado ó seu xefe, a relación deteriorase de tal modo que é moi difícil que sigan traballando coma se nada, así que, aínda na creenza de que o meu cliente tiña a razón neste caso, antes de empezar o xuizo falei co avogado contrario para intentar chegar a un acordo. Pasa un tempo, entra na sala, onde xa se atopaba o seu cliente... e cal non é a miña sorpresa cando nos chaman para celebrar o xuízo e o compañeiro se atopa xa sentado para celebrar a vista, e só a preguntas da Súa Señoría di que non hai posibilidades de acordo, e pasa a relatarlle a miña oferta, as pretensións do seu cliente, e non sei cantas cousas máis. Pareceume unha falta de ética profesional, e empecei a envenenarme...
Certo é que na xurisidicción social, prima o principio in dubio pro operario. Pero unha cousa é esa, e outra intentar predispoñer ó xuíz, instruíndoo en cuestións totalmente alleas ó pleito. Así que decidín (sen pensalo moito, iso tamén é certo) contraatacar, contando a miña versión dos feitos: que o meu cliente non incumplira coas suas obrigas, e que se lle facía unha oferta económica era para non deteriorar máis a relación entre as partes, e que acabasen dun xeito máis ou menos amigable.
Fixemos números outra vez, pero seguimos sen chegar a acordo, así que o xuíz decidiu intervir... colocándose sen maís do lado do traballador. Dirixíndose ó meu cliente, preguntoulle algo así como ¿sabe usted que se está arriscando a que lle condene a pagar o doble? , e eu respondín cunha frase do estilo ¿por que non lle advirte ó traballador que igual non recibe ningunha indemnización si lle desestima a demanda?
Igual tiña que ter calado; pero non podo deixar de pensar, cando me pasan cousas coma estas, que o meu traballo non serve para nada, que a sentenza está posta dende antes de que o meu cliente e máis eu entremos na sala, que o partido non empeza 0-0, e que para iso, quitamos do noso ordeamento xurídico a xurisdicción social.
Agora estou esperando a sentenza, pero véxome anunciando o Recurso de Suplicación.
Denuncias falsas en materia de violencia doméstica
Ó abeiro do publicado hoxe en El País, voume referir publicamente a algo que, en moitas ocasións, teño comentado cos compañeiros: o proveito que algunhas mulleres están a sacar da Lei integral de violencia de xénero para vingarse das súas parellas.
Vaia por diante que non quero dar a sensación de frivolizar cun tema tan serio. Non serei eu quen diga que non estamos ante un problema moi grave, e de moi difícil solución mentres todos non esteamos debidamente educados no respecto ós demais. Pero hai quen intenta aproveitarse da sensibilidade social que a cuestión dos malos tratos desperta para sacar beneficio nunha seguinte crise matrimonial.
Beneficio este que na maior parte dos casos ten que ver cos fillos: unha denuncia (e máis dende a nova redacción do artigo 153 do Código Penal) por malos tratos case garante: a custodia dos fillos, a atribución do uso da vivenda familiar, e unha medida de alonxamento en ocasións extensible ós descendentes que dificulta (se non imposibilita) unha boa relación paterno-filial. Hoxe en día, as nais queren que os pais se impliquen de igual xeito na crianza i educación dos fillos, non pode ser doutro xeito, toda vez que os roles de xeneracións anteriores xa case son historia. Pero se xurde unha crise, moitas destas nais non dubidan en inventarse uns malos tratos, físicos ou psíquicos, que agora constitúen delito, para alonxar ós fillos dos pais.
Ou simplemente, por vinganza ante a negación a recoñecer que a parella fracasou, ou que sei eu por que... Lembro agora un destes casos que levei no despacho, no que de modo automático só con ler a denuncia da muller (separada legalmente do seu marido), e sen tan sequera tomar declaración ó denunciado, un xulgado (non vou a dicir cal) dictou orde de alonxamento contra el. Así, sen máis. E despois, todo acabou en arquivo xa na fase de instrución. ¿É isto lóxico?
Por iso é tan importante a reflexión que fai a sentenza da Audiencia Provincial de Barcelona, á hora de poñer de manifesto que con temas tan importantes como a imputación de delito (ou os dereitos dos fillos de estar cos seus pais) non se pode xogar.
O colapso da administración de xustiza
Unha vez máis, empezo cunha nova do xornal; nesta ocasión, de La Voz de Galicia: colapso na administración de xustiza. Aínda que ós que traballamos nos xulgados este titular non nos sorprende, non deixa de ser lamentábel comprobar unha vez máis que o medio que temos para solucionar os conflitos do noso día a día non serve en ocasións. Xa teño falado algo sobre o tema noutro artigo, cando me refería ó retardo na tramitación dos procedementos no Tribunal Supremo.
Con todo iso, sempre hai cousas que chaman a atención. O artigo incide na situación da xustiza en Lugo, onde seica hai uns dez mil casos pendentes de resolución; e na que detaca o estado do xulgado do contencioso-administrativo, onde están sinalando xuízos para o mes de marzo... do ano 2008. Se non lembro mal, algo semellante acontecía fai uns anos en Vigo, cando só había un Xulgado de Familia, no que unha modificación de medidas, por exemplo, podía tardar case dous anos en celebrarse a vista; hai tempo que non vou por alí, así que espero que as cousas teñan mellorado.
Destaca tamén o xornal como, en moitos dos casos, son os xulgados de violencia doméstica os que acumulan un maior retraso na tramitación dos procedementos. ¿A que é debido iso? Pois, simplemente, a que a lei integral de violencia de xénero non procedeu, na maior parte dos partidos xudiciais, á creación de novos xulgados destinados a esta materia, senón que lles foi adxudicada de modo exclusivo a un dos de instrución xa existentes; pero sen que esta atribución tivese coma contraprestación que lles liberasen senón de algúns asuntos (querelas e denuncias sen data no caso do de Pontevedra, se non lembro mal... Pero, a maiores, han de tramitar todos os procedementos de dereito de familia que deriven de temas de violencia doméstica. ¡Case nada!
E a pregunta é: ¿de que sirve facer novas leis para solucionar xudicialmente os conflitos se despois non hai medios para que funcionen?
Ou, polo menos, a primeira. Porque o certo é que xorden moitas máis: ¿como explicarlles estes retrasos ós clientes?

