Arquivos de: Maio 2007
Comunicación
Teño un cliente co cal apenas son capaz de entenderme. El é dun país africano francofalante, leva menos dun ano no país, non fala galego e apenas español. Os meus coñecementos de francés fai anos que practicamente se evaporaron.
Nestas condicións, é realmente complicado entenderse cunha persoa que ten un problema legal de non pouca importancia e que necesariamente ten que ser resolto xudicialmente. E se xa é difícil en moitas ocasións explicar ós clientes o contido das leis e porqué as súas pretensións poden ou non ter éxito, a cousa é case imposíbel cando ó descoñecemento lóxico de cuestións legais lle sumamos a barreira idiomática.
Así que, despois de darlle moitas voltas, acordeime de que o Instituto Cervantes ten un servizo de tradución automática, non só para páxinas web (grazas a el se pode ler este blog en español, por exemplo) senón tamén para textos. Esta interesante ferramenta serve non só para traducir ó galego e o catalán, senón tamén ó inglés, francés e portugués.
Fun á páxina, e penso que en menos dun minuto xa estaban traducidos os cinco folios da demanda. O sorriso de agradecemento do meu cliente, que o único que daba dito era "xa o entendo" pagou a pena de sobra o mínimo esforzo levado a cabo.
Mal sabor de boca...
Alomenos, esa é a miña sensación. Despois de varias reunións entre a Dirección Xeral de Xustiza e os representantes do Colexio de Avogados de Pontevedra, o venres 27 de abril decidiuse deixar sen efecto as medidas adoptadas por parte dos colexiados.
A boa disposición da administración para resolver o conflito, e o compromiso por parte das autoridades de estudar a fondo as reclamacións de devolucións do xa percibido foi valorado positivamente pola Xunta de Goberno e os Delegados dos Partidos Xudiciais para tomar a decisión (por maioría, que non por unanimidade) de deixar sen efecto a medida acordada no seu día de darnos de baixa na Quenda de Oficio.
Por parte da Xunta de Galicia, polo de agora, non escoitei nin lin ningunha manifestación ó respecto, así que, persoalmente, non teño moi clara cal foi esa boa vontade demostrada pola administración.
Así que, pola miña parte, non podo deixar de ter a sensación de que ó final achantamos, coma sempre, ante as boas palabras. Espero sinceiramente que o tempo me quite a razón.

