Blog All Title

02/10/07

Inimigos ou contrarios?

Gardado en: . — Salomé Cancela @ 12:47

As relacións cos compañeiros de profesión son complicadas; e non me estou a referir agora ós amigos, que por sorte tamén os teño, e moi bos, dentro do gremio. Falo do trato cos compañeiros que, polas razóns que sexan, temos en fronte no noso día a día. ¿Que somos? ¿Inimigos ou compañeiros?

Como inimiga me fixo sentir o outro día un avogado que, nun Recurso de Apelación contra unha sentenza dun xuízo de faltas, me acusou de instar ó meu cliente a mentir no seu propio beneficio tras el correspondiente asesoramiento; cando é perfectamente posíbel que cada unha das partes teña unha visión diferente do ocorrido (unha pequena liorta sen máis transcendencia que a de ter perdido os papeis). ¿Ou é que este letrado o que fai é ver nos demais as súas propias malas artes?

Como contraria pero compañeira, outro avogado ó que me atopei ese mesmo día pola rúa. Falamos do tema no que somos contrarios, intentando chegar a un acordo mentres tomabamos un café; cada un defendeu, como non podía ser doutro xeito, os intereses do seu cliente, e quedamos en ter unha reunión para tratar de solucionar o conflito.

Pero Modesto Barcia, que é de quen estou a falar, tamén aproveitou para comentarme que viña de publicar dous libros dos que eu non tiña coñecemento: "Los abogados y otras gentes del foro en la consideración popular y literaria ibérica" e "A iberidade" cos que acabou agasallándome, e agora están enriba da miña mesa esperando ser lidos.

Eu, para corresponder, conteille a miña afección polo mundo do viño, e prometinlle un par de botellas de Moraima, o albariño da adega da que son socia.

Non todo pode ser dereito nesta vida...

powered by  b2evolution Credits: skin converting | blog tool | framework | test site
Este skin utiliza un CSS diseñado orixinariamente para WordPress (ver créditos de deseño en style.css)
Créditos do deseño orixinal deste skin: Ben de Groot
Para asegurar a máxima compatibilidade cos ficheiros CSS do WP, a maioría de características de bevolution que non existen en WP ocultáronse neste skin xenérico de WP.