Blog All Title

12/11/08

Merece todo o mundo ser defendido?

Gardado en: Penal — Salomé Cancela @ 18:23

Escoito casualmente na radio parte dun programa no que se fan esta pregunta, á que penso que todos os que nos adicamos á avogacía (e se levamos cuestións penais, con máis frecuencia) tivemos que contestar nalgunha ocasión. Trátase de se alguén que ten toda a pinta de ser culpábel (un violador, un terrorista, ...) segue a ter dereito a ser defendido.

Eu penso que si, que todo o mundo ten dereito a unha defensa, a unha boa defensa en realidade. A existencia dun poder xudicial garántenos a todos (si, a todos) que nos atopamos a salvo de vinganzas ou arbitrariedades. Porque ninguén pode limitar os nosos dereitos nin impoñernos obrigas sen que ese castigo sexa debidamente motivado, e se trate dunha decisión adoptada por un organismo ao que entre todos, lle concedemos esa potestade, xa que non podemos deixar na man dos interesados a resolución dos problemas xudiciais (está un pai capacitado para xulgar ao asasino do seu fillo, por exemplo?).

Trátase de facer todo o posíbel para que ningún inocente resulte condenado; e unha boa defensa (xunto con esa presunción de inocencia tantas veces esquecida) axuda a que os erros sexan os mínimos, e a que cando alguén é condenado o sexa despois dun xuízo xusto.

Igual isto é un pouco espeso para unha escura tarde de novembro; pero levo tanto tempo sen escribir nada, que unha pequena declaración de principios me pareceu un xeito tan bo como outro calquera para lembrar que aínda sigo aquí.

13/06/08

Linguaxe e igualdade

Gardado en: . — Salomé Cancela @ 10:47

A miña falta de formación lingüística impídeme defender cos argumentos necesarios o que penso sobre feminizar a linguaxe. Ven isto a conto, como é fácil supoñer, non xa despois do erro cometido pola Ministra de Igualdade Bibiana Aído, senón pola defensa que a posteriori fixo das súas palabras.

Quen me coñece sabe que creo firmemente na igualdade das persoas independentemente do seu sexo; pero non porque o diga o artigo 14 de Constitución, senón porque dende sempre souben que non era menos que un home.

Traballo nun mundo no que non hai tanto tempo a presenza das mulleres era meramente anecdótica, e non hai moitos anos que unha clienta do quenda de oficio, xa dunha idade, me confesou que “moito rezara para que lle tocara un home”, no convencemento de que unha muller está menos capacitada para ser avogado.

É difícil desfacerse dos prexuízos da xente, pero non penso que o respecto se gañe a base de esnaquizar un idioma. E, persoalmente, non quero chegar a ser nunca “miembra” de nada.

12/05/08

Sustos

Gardado en: Xeral — Salomé Cancela @ 19:41

Que os xulgados existen para que a xente poida solucionar os seus conflitos cando non é quen de facelo doutro xeito é unha realidade. Pero tamén o é que o feito de acudir á xustiza non debe ser tomado como un xogo; pois, ás veces, as consecuencias deses actos non son as previstas, e se do ámbito penal estamos a falar, as cousas normalmente non teñen volta atrás.

Isto ven a conto polo que me pasou estes días:

Por unha parte, atopeime cunha cuestión de maltrato familiar iniciada cando un pai, ante unha discusión forte na casa, decidiu chamar á policía para darlle un susto ao seu fillo. Máis a cousa rematou (polo de agora, a espera de xuízo) co rapaz fora da casa cunha orde de afastamento do seu pai; e este chorando porque non quería que o seu fillo se fose porque non tiña a onde ir. Deixando a un lado a existencia ou non do delito (que se verá no seu día), neste caso concreto (así mo fixo saber) o denunciante non tiña a máis mínima intención de facer tal cousa cando chamou á policía: só quería poñer un pouco de orde nun incómodo conflito familiar; descoñecendo que, salvo en casos moi particulares, cando calquer forza do orde público ten coñecemento da existencia dun posíbel delito, a administración de xustiza, de oficio, continúa coa tramitación do procedemento ate o final, aínda que a parte pretendidamente perxudicada non queira continuar co mesmo. A acción penal é pública.

Estes sustos penais son relativamente frecuentes, e todos os profesionais nos atopamos con un de cando en vez.

Menos habituais son os sustos civís: unha muller, sospeitando que o seu home lle é infiel e a pode deixar, decide adiantarse e presentarlle ao seu home un convenio regulador de separación de mutuo acordo, para que el vexa o que lle vai a custar vivir só, pensando (claro está) que el non ten en realidade a intención de separarse. E cal non foi a miña sorpresa cando me chamou para dicirme que si, que el o firmara...

Aínda que neste caso lle quede a ela a opción de presentalo ou non, é evidente que non é unha boa xogadora de mus, pois os órdagos, cando un ten medo a perder, hai que ter moito coidado con cando se botan...

08/04/08

Uso do galego na xustiza

Gardado en: Xeral — Salomé Cancela @ 17:37

Por casualidade, botándolle unha ollada rápida ás novas en Chuza, entereime de que o Consello Xeral do Poder Xudicial lle abrira un expediente á titular do Xulgado do Social nº2 de Santiago de Compostela, Dona Ana López-Suevos, á que se acusaba de "sectarismo e partidismo" por ter permitido a utilización do galego nun xuízo. Pero o máis curioso é que esa "indefensión" que a utilización da nosa lingua causou, ó parecer, a unha das partes, só se denunciou á vista da sentenza (que como poden supoñer todos os que dun xeito habitual pasan polo xulgado en cuestión, tamén se ditou en galego), e non no acto da vista.

Certo é que o artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial di, no seu número 2, que os xuíces poderán usar a lingua oficial propia da Comunidade Autónoma (o galego, neste caso), se ningunha das partes se opuxese alegando un descoñecemento que puidera producir indefensión. Pero se esa salvedade non se fai no primeiro momento no que se usa o idioma que a parte di non entender, que sentido ten que se faga a posteriori?

Lóxico é que cada parte defenda os seus intereses como mellor lle pareza, faltaría máis... pero hai que ser coherente, e se un letrado (ou a parte) non informa do seu descoñecemento dunha lingua no primeiro momento, que sentido ten facelo despois?

Persoalmente, alégrome de que unha queixa deste tipo sexa arquivada: mal que lles pese a moitos, o galego é a nosa lingua.

Para os mal pensados, dicir que non me une coa xuíza implicada ningún tipo de relación que non sexa a estritamente profesional das veces (poucas) que tiven asuntos (uns con sentenzas favorábeis e outros non) no seu xulgado (nin sequera penso que me recoñeza se me ve pola rúa), pero paréceme que non merece que lle abran un expediente por algo coma isto. Nin ela, nin todos os xuíces e maxistrados que se ocupan de que o galego esté presente en todos os ámbitos da nosa vida.

03/03/08

O Debate, segunda parte

Gardado en: Xeral — Salomé Cancela @ 18:00

Hoxe terá lugar o segundo debate entre José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy (para evitar suspicacias: o orde é o que teñen pactado para as intervencións) de cara ás eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo.

Non vin o do pasado luns. Dime unha compañeira que si o fixo que foi a cousa máis parecida a un xuízo que vira en moito tempo. Cada unha das partes foi facendo as alegacións que lle interesaba sen contestar ó que lle dicía o contrario: falando cada un do que pensaba lle beneficiaba, pero sen entrar en discusión algunha nin contestar preguntas incómodas.

Menos mal, seguía ela, que Manuel Campo Vidal (moderador do debate)non tivo que ditar sentenza ó final. Si, dixen eu, porque as conclusións finais (que foi o único que cheguei a ver) foron decepcionantes as dos dous.

powered by  b2evolution Credits: skin converting | blog tool | framework | test site
Este skin utiliza un CSS diseñado orixinariamente para WordPress (ver créditos de deseño en style.css)
Créditos do deseño orixinal deste skin: Ben de Groot
Para asegurar a máxima compatibilidade cos ficheiros CSS do WP, a maioría de características de bevolution que non existen en WP ocultáronse neste skin xenérico de WP.