Fidelidade
O venres 8 de febreiro, o programa Máis Berberechos da Radio Galega emitiuse dende Pontevedra, co gallo do día do enterro de Ravachol, evento que marca a fin do entroido na cidade.
Como oínte esporádica dos berberechos, decidín achegarme ate o Café Moderno, que era onde se gravaba o programa. O primeiro invitado foi o alcalde de Pontevedra, co cal conversaron de moitas cousas, e unha dela foi a celebración dos matrimonios no concello.
Nestas, María Xosé Rodríguez, a presentadora do programa, comentou que lle chamara a atención, como asistente a un casamento en Pontevedra, que o alcalde fixera referencia a que os cónxuxes deben ser fieis, e que o comentara cun coñecido seu avogado e lle dixera que iso era unha licencia do oficiante, que non era necesaria tal cousa; ó que o alcalde dixo que si, que viña sendo unha tradición da cerimonia, pero nada máis.
Sorprendinme moito ó ouvir isto, pois aínda que non me sei de memoria o Código Civil, estaba case segura de que a fidelidade segue a estar recollida no texto legal e que non fora eliminada na súa última modificación.
Así que o primeiro que fixen o sábado foi ir ó Código Civil, para comprobar que eu non estaba errada, e que o artigo 68 segue establecendo a fidelidade como unha das obrigas dos cónxuxes.
Os cónxuxes están obrigados a vivir xuntos, gardarse fidelidade e socorrerse mutuamente. Deberán, ademais, compartir as responsabilidades domésticas e o coidado e atención de ascendentes e descendentes e outras persoas dependentes ao seu cargo.
Desistimento e renuncia non son o mesmo
Estase a falar estes días en todos os medios de comunicación dun tema bastante delicado, como é a reclamación que o condutor dun coche que atropelou a un ciclista de dezasete anos (falecido no accidente) fai ós pais da vítima polos danos sufridos no seu vehículo.Como non teño datos suficientes sobre a cuestión xurídica (a moralidade ou ética de cada un non é cousa miña), prefiro non facer comentarios sobre a mesma, xa que son moitas as dúbidas que se me plantexan antes de facer unha valoración seria da cuestión.
Parece ser que esta mañá estaba prevista a celebración do xuízo, e dada a expectación creada, deseguida saltou a nova: seica o demandante retirou a súa reclamación.
Cando, comentando o tema con un lego en dereito eu lle dicía que, no fondo, iso non quería dicir nada xa que se podía volver a presentar a demanda, xurdiu a cuestión da diferencia entre desistir e renunciar.
Ambas figuras, o desistimento e a renuncia aparecen reguladas no artigo 20 da Lei de Axuizamento Civil. Pero penso que non é necesario profundar na súa tramitación para ver a diferenza entre ambas.
No caso da renuncia, o xuíz ten que ditar sentenza absolvendo ó demandado, polo que a cuestión non pode volver a considerar ante os xulgados. Por contra, o desistimento é un acto de vontade do demandante que fai que o procedemento finalice sen sentenza, polo que si é posíbel nese caso que se volva a considerar xudicialmente a cuestión. Ou sexa, que a renuncia é definitiva, pero non así o desistimento.
Novos delitos contra a seguridade vial
A casualidade fixo que antonte, 1 de decembro, entrase en vigor a modificación do Código Penal en materia de delitos contra a seguridade no tráfico, e hoxe tivera un Xuízo Rápido precisamente por alcoholemia.
Aínda non sei como será aplicación práctica da lei, pero polo de agora, a realidade non é exactamente como nos dicían por aí, con todos eses titulares que nos estaban facendo pensar na cadea por calquera infracción de tráfico, cando a cousa non é de todo así.
En primeiro lugar, dicir que a pena de cadea xa estaba prevista para aqueles que conducirán influídos por drogas tóxicas, estupefacientes, sustancias psicotrópicas ou bebidas alcohólicas: prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce meses. Sendo a novidade fundamental neste punto, ó meu entender, que agora se fixa no propio Código que se considerará delito que se conduza cunha taxa de alcohol en aire espirado superior a 0,60 miligramos por litro ou cunha taxa de alcohol en sangue superior a 1,2 gramos litro; cando antes non se fixaba unha taxa concreta de "influenza", o que podía dar lugar a sentenzas moi contraditorias dados os diferentes criterios xudiciais.
Certo que agora se introducen novas conduta delitivas, como son que o exceso de velocidade, que antes era unha infracción administrativa, pase a ser delito en certos supostos. Así, superar en 60 km por hora en vía urbana ou en 80 km por hora en vía interurbana a velocidade permitida leva acarreadas as mesmas penas que a condución baixo a influenza de determinadas sustancias.
As penas de prisión chegan só cando se xuntan as dúas conduta antes descritas (condución superando os límites de velocidade sinalados e alcoholemia) con un requisito máis: poñer en perigar concreto a vida ou a integridade das persoas. Neste suposto, si a pena é de prisión: de seis a dez anos, podendo ser de seis a doce anos cando se conduce con manifesto desprezo pola vida dos demais.
De todos os xeitos, a condución temeraria era unha conduta xa existente no Código Penal antes da reforma; sendo a única novidade neste delito que se considera tal aínda que non se poña en perigo concreto a ninguén, o que con leva tamén unha importante redución na pena a impoñer.
Xa por último, dicir que tamén para os que circulen tras a perda total dos puntos do permiso de conducir, ou os que nunca o tiveran obtido (aínda que para estes a reforma entrará en vigor a partires do 1 de maio do 2008), a pena a impoñer será a de multa ou prisión, e non só ista última, como parece deducirse de moitas informacións que tiña lidas ate o de agora.
Inimigos ou contrarios?
As relacións cos compañeiros de profesión son complicadas; e non me estou a referir agora ós amigos, que por sorte tamén os teño, e moi bos, dentro do gremio. Falo do trato cos compañeiros que, polas razóns que sexan, temos en fronte no noso día a día. ¿Que somos? ¿Inimigos ou compañeiros?
Como inimiga me fixo sentir o outro día un avogado que, nun Recurso de Apelación contra unha sentenza dun xuízo de faltas, me acusou de instar ó meu cliente a mentir no seu propio beneficio tras el correspondiente asesoramiento; cando é perfectamente posíbel que cada unha das partes teña unha visión diferente do ocorrido (unha pequena liorta sen máis transcendencia que a de ter perdido os papeis). ¿Ou é que este letrado o que fai é ver nos demais as súas propias malas artes?
Como contraria pero compañeira, outro avogado ó que me atopei ese mesmo día pola rúa. Falamos do tema no que somos contrarios, intentando chegar a un acordo mentres tomabamos un café; cada un defendeu, como non podía ser doutro xeito, os intereses do seu cliente, e quedamos en ter unha reunión para tratar de solucionar o conflito.
Pero Modesto Barcia, que é de quen estou a falar, tamén aproveitou para comentarme que viña de publicar dous libros dos que eu non tiña coñecemento: "Los abogados y otras gentes del foro en la consideración popular y literaria ibérica" e "A iberidade" cos que acabou agasallándome, e agora están enriba da miña mesa esperando ser lidos.
Eu, para corresponder, conteille a miña afección polo mundo do viño, e prometinlle un par de botellas de Moraima, o albariño da adega da que son socia.
Non todo pode ser dereito nesta vida...
Apertura Ano Xudicial 2007
Aínda que, legalmente, o ano xudicial empeza o 1 de setembro, foi hoxe cando tivo lugar a apertura solemne á que acoden todas as autoridades.
Un ano máis, é un acto moi marcado pola falta de consenso entre os diferentes partidos políticos para proceder á renovación dos órganos de goberno do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional. E aquí é onde xorden para min as dúbidas e as reflexións sobre a independencia do poder xudicial.
Como profesional que día a día pisa os xulgados, hei de dicir que teño a sorte de non poder discernir a ideoloxía dun xuíz polo seu xeito de traballar, ou polas súa resolucións. Con independencia de que sexan de xuíces para a democracia (en principio, máis de esquerdas) ou da Asociación Profesional da Maxistratura (teóricamente, máis conservadora), teño afinidades e desacordos con uns e con outros, e valoro o seu traballo totalmente á marxe da súa ideoloxía, pois os xuíces de instrución, do social, do penal, ou incluso os maxistrados da Audiencia Provincial cos que eu trato son profesionais que ditan xustiza sen deixar que as súas ideas saian ó exterior.
Para os que traballamos nunha pequena cidade, os xuíces son relativamente cercanos, e as súas ideas políticas (como tampouco o deberían facer para eles as nosas) non inflúen xa non nas relacións cos profesionais, senón tampouco á hora de impartir xustiza. Entón, ¿cando se malean os xuíces? ¿Cando deixan de ser profesionais para pasar a ser afiliados a un determinado partido político? ¿Cando perden esa independencia que debe rexer o seu traballo? ¿Cando deixar de ser válidos polas súas actitudes profesionais para pasar a selo polas súas ideas políticas?
Gustaríame que alguén me contestara a todo isto.

