Categoría: Medios de comunicación e dereito
Fidelidade
O venres 8 de febreiro, o programa Máis Berberechos da Radio Galega emitiuse dende Pontevedra, co gallo do día do enterro de Ravachol, evento que marca a fin do entroido na cidade.
Como oínte esporádica dos berberechos, decidín achegarme ate o Café Moderno, que era onde se gravaba o programa. O primeiro invitado foi o alcalde de Pontevedra, co cal conversaron de moitas cousas, e unha dela foi a celebración dos matrimonios no concello.
Nestas, María Xosé Rodríguez, a presentadora do programa, comentou que lle chamara a atención, como asistente a un casamento en Pontevedra, que o alcalde fixera referencia a que os cónxuxes deben ser fieis, e que o comentara cun coñecido seu avogado e lle dixera que iso era unha licencia do oficiante, que non era necesaria tal cousa; ó que o alcalde dixo que si, que viña sendo unha tradición da cerimonia, pero nada máis.
Sorprendinme moito ó ouvir isto, pois aínda que non me sei de memoria o Código Civil, estaba case segura de que a fidelidade segue a estar recollida no texto legal e que non fora eliminada na súa última modificación.
Así que o primeiro que fixen o sábado foi ir ó Código Civil, para comprobar que eu non estaba errada, e que o artigo 68 segue establecendo a fidelidade como unha das obrigas dos cónxuxes.
Os cónxuxes están obrigados a vivir xuntos, gardarse fidelidade e socorrerse mutuamente. Deberán, ademais, compartir as responsabilidades domésticas e o coidado e atención de ascendentes e descendentes e outras persoas dependentes ao seu cargo.
A chamada conducción temeraria.
Supoño que moitos se sorprenderían ó ver este titular na prensa: Absolto o condutor que ía a 260 por hora porque non provocou perigo.
O artigo 381 do Código penal establece no seu primeiro parágrafo que:
O que conducise un vehículo a motor ou un ciclomotor con temeridade manifesta e puxera en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas, será castigado coas penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata seis anos.
Tendo en conta o texto do artigo son precisos dous elementos para que nos atopemos ante este delito: por unha parte, conducir con temeridade manifesta; e por outra, poñer en concreto perigo a vida ou integridade das persoas". Esa conxunción "e" implica que sexan necesarias as dúas condicións. Esto é: que é requisito indispensábel que ademais dunha conduta en aparencia temeraria, se poña en concreto perigo a vida ou integridade das persoas.
Polo que se deduce da nova do xornal, no caso en cuestión non houbo ese concreto perigo, pois o vehículo foi captado por un radar por exceso de velocidade (non por ter participación nun accidente, por exemplo), e sen que os axentes que procederon á súa interceptación posterior manifestaran cal foi o perigo concreto causado a terceiros.
Dende este punto de vista, semella que a resolución en cuestión é axustada a dereito, aínda que o sentido común nos leve a pensar o contrario.
O tema da semana
Levo varios días dándolle voltas á idea de como enfocar un artigo sobre a concesión da prisión atenuada a De Juana Chaos; pero agora o que xa non sei é se realmente paga a pena. ¿Trátase dunha cuestión xurídica ou política? Porque si é xurídica, podo aproveitar para comentar algo sobre a miña experiencia profesional nos Xulgados de Vixilancia Penitenciaria, por exemplo; pero se é política... pois xa terei a ocasión de opinar nas próximas eleccións.
Despois dunha semana, a tensión é tal que penso que aínda que o tratase dende o punto de vista máis técnico e obxetivo, que era a miña intención dende o principio, o que dixera podería ser malinterpretado. Así que deixarei as miñas reflexións para mellor ocasión, que de seguro que algunha haberá.
Ex-muller
Hoxe empecei o día saíndo en coche a presentar uns escritos fora de Pontevedra. Coma sempre, levaba a radio posta, co que deseguida tiven coñecemento da que sería, de seguro, a nova do día: deteñen a Maite Zaldívar nunha nova fase da operación Malaya.
Descoñezo se hai ou non motivos para proceder a esa detención; pero, en calquera caso, non é ese o tema deste artigo, senón a referencia que se fai en todos os medios de cominación a esta señora como a ex-muller de outro dos detidos na mesma operación.
Tratándose como se trata de xente que está a miúdo na prensa rosa, todos estamos máis ou menos enterados da vida destas persoas; e quizais por "deformación profesional", eu presto moita atención cando no medio de cuestións totalmente banales se fala de cuestións xurídicas, pois me resulta moi curiosa a "seriedade" coa que periodistas (ou nin iso, depende do día e do medio de comunicación en cuestión) falan destos temas intentando dar sensación de seguridade no que din, e de ter uns coñecementos dos que carecen (como é lóxico, por outra banda) en moitas ocasións.
Por iso sei que os personaxes en cuestión están separados, e non divorciados. E, como profesional do dereito, sei que o vínculo matrimonial non se disolve coa separación, senón co divorcio (entre outras causas). É o artigo 85 do Código Civil o que regula a disolución do vínculo matrimonial, e sinala como causas da mesma a morte ou declaración de falecemento dun dos cónxuxes, ou por divorcio.
Penso que os medios de comunicación non deberían descoidar ningunha faceta da mesma; e se ben é certo que unha cuestión coma esta é totalmente secundaria, non está de máis a corrección se se fai referencia a ela. I é que, quéirano ou non, Maite Zaldívar segue a ser a muller de Julián Muñoz.

