Categoría: Quenda de oficio
Mal sabor de boca...
Alomenos, esa é a miña sensación. Despois de varias reunións entre a Dirección Xeral de Xustiza e os representantes do Colexio de Avogados de Pontevedra, o venres 27 de abril decidiuse deixar sen efecto as medidas adoptadas por parte dos colexiados.
A boa disposición da administración para resolver o conflito, e o compromiso por parte das autoridades de estudar a fondo as reclamacións de devolucións do xa percibido foi valorado positivamente pola Xunta de Goberno e os Delegados dos Partidos Xudiciais para tomar a decisión (por maioría, que non por unanimidade) de deixar sen efecto a medida acordada no seu día de darnos de baixa na Quenda de Oficio.
Por parte da Xunta de Galicia, polo de agora, non escoitei nin lin ningunha manifestación ó respecto, así que, persoalmente, non teño moi clara cal foi esa boa vontade demostrada pola administración.
Así que, pola miña parte, non podo deixar de ter a sensación de que ó final achantamos, coma sempre, ante as boas palabras. Espero sinceiramente que o tempo me quite a razón.
Reivindicacións
O outro día, despois dunha Xunta Xeral do máis reivindicativa, que tivo lugar o pasado 21 de abril no Colexion de Avogados de Pontevedra, puiden comprobar como o descontento co funcionamento da quenda de oficio non é unha cuestión persoal, senón xeral.
Así despois de máis de dúas horas de intervencións, acordouse o seguinte:
1.- Esixir á Xunta de Galicia o abono inmediato dos asuntos correspondentes ó terceiro cuadrimestre do 2006, pendentes de pago.
2.- Esixir a constitución dunha mesa de negociación para a reforma da regulación da Quenda de Oficio e a Asistencia Xurídica Gratuíta na Comunidade Autónoma de Galicia.
3.- Exixir de la Xunta de Galicia o abono de todas as asistencias a detidos.
De non haber contestación satisfactoria por parte da Xunta de Galicia ás reivindicacións anteriores, procederase á baixa masiva dos letrados (uns catrocentos) dos servizos de Quenda de Oficio e Servizo de Orientación Xurídica con fecha 30 de abril de 2007, con efecto a partires do 1 de maio. Aínda así, se houbera contestación por parte da administración, será a Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Pontevedra e os delegados dos partidos xudiciais os que tomen a decisión de seguir ou non adiante coa medida de presión adoptada.
Agora, é a Dirección Xeral de Xustiza quen ten a palabra.
Crise na Quenda de Oficio de Pontevedra
Coido que empezando co exemplo que poñía o outro día unha boa compañeira se entenderá ben a cuestión: imaxinádevos que unha persoa é operada de urxencia na sanidade pública; e que despois, cando xa está curado e fora do hospital, se dan conta de que non tiña dereito a ser atendido alí. Así que o SERGAS, en vez de intentar localizar ó paciente para reclamarlle os gastos, acorda descontarlle o custe da operación ó ciruxán do seu soldo. ¿Qué pensariades?
Pois algo así é o que nos está a pasar ós avogados da Quenda de Oficio do Colexio de Avogados de Pontevedra, ós que a Xunta de Galicia pretende cobrar o traballo realizado, ó non ter acreditado os clientes o seu dereito ós beneficios de xustiza gratuíta. E en lugar de reclamar as nosas percepcións ós interesados que non acreditaron o seu dereito, pretenden recuperar os seus diñeiros descontándollos a quen si realizamos o noso traballo obrigatoriamente, pois unha vez efectuada a designación da quenda de oficio, a defensa é irrenunciábel.
A tramitación da xustiza gratuíta é bastante sinxela:
- Por unha banda, os avogados interesados en prestar este servizo, unha vez cumpridos uns requisitos previos, se inscriben no mesmo.
- Por outra, quen queira ou necesite litigar, e crea que reúne os requisitos económicos, solicita que lle sexa designado avogado de oficio.
É o Colexio de Avogados o encargado de realizar as designacións provisionais, que despois confirmará ou non a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta nunha resolución que pode tardar moitos meses. De feito, en moitos casos o profesional xa ten xustificadas as súas actuacións e o procedemento está finalizado cando ese acordo chega ás súas mans.
En asistencias a detidos ou imputados, o procedemento de concesión dos beneficios de xustiza gratuíta iníciase coa formalización dun formulario por parte do letrado que realiza a actuación, que despois presenta diante do Colexio de Avogados; e este ocúpase (ou debería ocuparse, xa teño as miñas dúbidas) de solicitar ó interesado a documentación necesaria para que este acredite o seu dereito á xustiza gratuíta.
Cando a Comisión confirma a designación non hai problema.
Pero ¿e cando non é así? Pois aí é onde nos atopamos: a Xunta decidiu reclamar ós letrados de Pontevedra as cantidades correspondentes ós asuntos xustificados no primeiro trimestre de 2005, dos que non consta acreditado o dereito ó beneficio de xustiza gratuíta. E en lugar de demandar as cantidades aboadas a quen indebidamente recibiu un servizo por parte da administración, opta polo máis doado: reclamar esas cantidades ós letrados.
De todo isto, tivemos coñecemento por terceiros, xa que foi o Colexio de Avogados o que convocou unha Xunta Xeral Extraordinaria (que se celebrará o vindeiro sábado 21 de abril) para tratar o tema; sen que por parte da Xunta de Galicia se nos comunicase nada polo de agora.
¿É legal esta medida?
Pois semella que si, a tenor do artigo 43.2 do Decreto 146/97 que aproba o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia.
¿É lóxica, ou xusta?
Entendo que non. Paréceme que é unha falta de respecto por parte da Administración para cos profesionais que adicamos parte do noso tempo a facilitar o acceso á xustiza a quen non ten medios a cambio dunha esmola, que na maior parte dos casos apenas dá para cubrir gastos.
Pero tamén me parece dun deixamento total por parte do Consello da Avogacía Galega e dos distintos Colexios de Avogados, que non sei para onde estaban a mirar cando se aprobou o devandito Regulamento.
Non sei o que pasará na reunión do vindeiro sábado. Os compañeiros cos que levo falado están tan indignados coma min ou máis. Descoñezo a postura que ten pensado adoptar o Colexio de Avogados, pero espero que sexa de defensa do noso traballo, e non de achantamento ás pretensións da administración. A ver se é certo que, ó fin, somos capaces de enfrontarnos a esa pantasma da "profesionalización" da xustiza gratuíta coa que sempre nos ameazan dende a Xunta. De feito, seica xa hai por hai grandes despachos que se ofreceron a xestionar este servizo a cambio dunha remuneración pactada, algo que penso vai en contra de todo o que, dende sempre, significou a quenda de oficio.
Avogado de oficio, ou como sentirse a última mona
Por vocación e porque me gusta moito o dereito penal, son avogado da quenda de oficio, e fai uns días tocoume estar de garda para a asistencia a detidos. Avisáronme para que, ás dez da mañá, estivera no xulgado de garda para celebrar un xuízo rápido por un delito contra a seguridade do tráfico (alcoholemia). Como xa vou sabendo de que vai a cousa en canto á puntualidade se refire, pareime a tomar un café, así que cheguei un cuarto de hora tarde: pequena rifa do funcionario polo retraso, e presa polo membro do Ministerio Fiscal (en prácticas) por falar e intentar chegar a unha conformidade. Pido desculpas, copia do expediente, un minuto para botarlle unha ollada, e outro para falar con... ¿onde está o imputado?
No medio de tanta presa, ninguén se dera conta de que o imputado aínda non chegara... Así que xa me deu tempo a facer as cousas con calma. Con tanta, de feito, que vin o asunto con detalle, achegueime á Sección de Menores da Fiscalía a facer unha asistencia (un rapaz de quince anos ó que pillaron intentado sacar un videoxogo dun centro comercial sen pasar pola caixa), e a tomar un café tranquilamente. E o meu cliente sen aparecer.
Así que a iso das doce, e cando xa o xuíz ditara orde de detención contra el, funme (non sen certa pena porque non se presentase) esperando a que o detiveran para celebrar o xuízo.
Avisáronme ó día seguinte ás once menos dez, con moito apuro: que fose o xulgado canto antes, que o Fiscal (xa non o de prácticas) tiña que estar na Audiencia Provincial en breve. Dixen que tardaría uns vinte minutos, saín correndo sen conseguir anular unha cita, en quince minutos conseguín chegar ó Xulgado de Garda, e cal non foi a miña sorpresa (e o meu cabreo) cando me entero de que o Fiscal saíra a facer o que tiña que facer, e a Policía aínda non chegara co detido. Pregunto: ¿para que me chaman, entón? ¿E que o meu tempo e o meu traballo non teñen ningún valor?
Saín, moi digna, dicindo que non me volveran a avisar ate que non estiveran todos alí. Pasou un bo anaco ata que me chamaron de novo. Ás doce e media, xa estivera dúas veces no calabozo falando co meu cliente, conformara có Fiscal, explicáralle a situación á súa dona... e faltaban o Xuíz e o Secretario, os cales aínda tardaron unha media horiña máis en aparecer pois estaban traballando noutros asuntos.
Conseguín saír do xulgado case dúas horas e media despois de que chegara; e iso, que o meu traballo o tería feito, ó ser un caso sinxelo, en non máis de quince minutos. Pero, aínda que recibín as desculpas do Fiscal por non terme avisado, non deixei de sentirme mal. Pois nin isto é a primeira vez que pasa (así o poderían corroborar moitos compañeiros), nin será a derradeira.
Unha de xuizo rápido
Como avogado que forma parte da quenda de oficio penal, no meu día de garda son avisada para asistir como acusación particular a unha vítima de malos tratos no ámbito familiar. Cando chego ó xulgado, entérome de que as partes xa declararon no de garda uns días antes, sinalándose o xuízo rápido no de violencia doméstica para ese día a esa hora. Varias son as cuestións que se me ocorre comentar:
En primeiro lugar, o sinalamento. Faíse pola Policía Nacional no momento da denuncia da perxudicada. Pero sen ter en conta a axenda do xulgado; que, curiosamente ten sinalados para ese día xuízos de faltas. Consecuencia: que a toma de declaración ás partes e a celebración do xuízo retrásase tres horas; curiosamente, por causas non imputábeis a ningunha das partes, nin sequera ó xulgado en cuestión. A miña primeira pregunta é ben sinxela: ¿por que na axenda xudicial non aparecen os xuízos de faltas xa sinalados para que a Policía os poida ter en conta ó citar ás partes? Se xa nos atopamos ante unha situación moi dura, non parece necesario alongala con esperas innecesarias.
En segundo lugar, plantéxanme dúbidas as propias garantías procesais dos xuízos rápidos en si. Xuízos, que foron introducidos no noso ordenamento penal pola Lei 38/2002 de 24 de outubro e Lei Orgánica 8/2002.
Aínda que hai casos nos que a investigación policial se pode considerar suficiente para que o xulgado (e as partes) se poidan considerar instruídos, non sempre é así. Entre outras cousas, porque neste tipo de asuntos o único co que se conta en moitas ocasións é coas declaracións de denunciante e denunciado; e, se cadra, con un parte de lesións. Pero apenas hai posibilidade, por exemplo, para citar e interrogar a posíbeis testemuñas, se estes non participaron xa nas dilixencias policiais.
E cando a parte denunciada admite os feitos que se lle imputan, pois non hai ningún problema. De feito, ate parece que a lei está redactada de xeito que induza ó imputado para recoñecer os feitos, vista a redución de condena (dun terzo) que se recolle no artigo 801 da lei de axuizamento criminal para o caso de que o acusado preste a súa conformidade no momento.
Pero, ¿e se non está conforme? ¿Salvagardase o dereito de defensa recollido no artigo 24 da Constitución? Eu non o teño moi claro; sinceiramente, non penso que se poida preparar unha defensa (ou unha acusación) cun mínimo de seriedade en tan pouco tempo como ás veces temos os avogados. Segundo a miña humilde opinión, a rapidez nunca debe primar sobre a seguridade xurídica e o dereito de defensa.
E todo isto, sen entrar na redacción actual do artigo 153 do Código Penal, ó que sen dúbida terei ocasión de referirme noutra ocasión.

