Buscar

Últimos comentarios

Setembro 2010
Lun Mar Mér Xov Ven Sab Dom
<< <     
    1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30      

Linkblog

b2evolution

  • SC Avogados

    Permalink

  • A Alma da Toga en castellano

    Permalink

En liña

  • Guest Users: 1

Sindicar esta bitácora


b2evolution
deseñada por LanVacation
evoskin por Danny Ferguson

Categoría: Penal

Merece todo o mundo ser defendido?

Escoito casualmente na radio parte dun programa no que se fan esta pregunta, á que penso que todos os que nos adicamos á avogacía (e se levamos cuestións penais, con máis frecuencia) tivemos que contestar nalgunha ocasión. Trátase de se alguén que ten toda a pinta de ser culpábel (un violador, un terrorista, ...) segue a ter dereito a ser defendido.

Eu penso que si, que todo o mundo ten dereito a unha defensa, a unha boa defensa en realidade. A existencia dun poder xudicial garántenos a todos (si, a todos) que nos atopamos a salvo de vinganzas ou arbitrariedades. Porque ninguén pode limitar os nosos dereitos nin impoñernos obrigas sen que ese castigo sexa debidamente motivado, e se trate dunha decisión adoptada por un organismo ao que entre todos, lle concedemos esa potestade, xa que non podemos deixar na man dos interesados a resolución dos problemas xudiciais (está un pai capacitado para xulgar ao asasino do seu fillo, por exemplo?).

Trátase de facer todo o posíbel para que ningún inocente resulte condenado; e unha boa defensa (xunto con esa presunción de inocencia tantas veces esquecida) axuda a que os erros sexan os mínimos, e a que cando alguén é condenado o sexa despois dun xuízo xusto.

Igual isto é un pouco espeso para unha escura tarde de novembro; pero levo tanto tempo sen escribir nada, que unha pequena declaración de principios me pareceu un xeito tan bo como outro calquera para lembrar que aínda sigo aquí.

263 Palabras . Salomé Cancela . 12/11/08 . 18:23 . Permalink . Email . 269 views . Facer comentario

Novos delitos contra a seguridade vial

A casualidade fixo que antonte, 1 de decembro, entrase en vigor a modificación do Código Penal en materia de delitos contra a seguridade no tráfico, e hoxe tivera un Xuízo Rápido precisamente por alcoholemia.

Aínda non sei como será aplicación práctica da lei, pero polo de agora, a realidade non é exactamente como nos dicían por aí, con todos eses titulares que nos estaban facendo pensar na cadea por calquera infracción de tráfico, cando a cousa non é de todo así.

En primeiro lugar, dicir que a pena de cadea xa estaba prevista para aqueles que conducirán influídos por drogas tóxicas, estupefacientes, sustancias psicotrópicas ou bebidas alcohólicas: prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce meses. Sendo a novidade fundamental neste punto, ó meu entender, que agora se fixa no propio Código que se considerará delito que se conduza cunha taxa de alcohol en aire espirado superior a 0,60 miligramos por litro ou cunha taxa de alcohol en sangue superior a 1,2 gramos litro; cando antes non se fixaba unha taxa concreta de "influenza", o que podía dar lugar a sentenzas moi contraditorias dados os diferentes criterios xudiciais.

Certo que agora se introducen novas conduta delitivas, como son que o exceso de velocidade, que antes era unha infracción administrativa, pase a ser delito en certos supostos. Así, superar en 60 km por hora en vía urbana ou en 80 km por hora en vía interurbana a velocidade permitida leva acarreadas as mesmas penas que a condución baixo a influenza de determinadas sustancias.

As penas de prisión chegan só cando se xuntan as dúas conduta antes descritas (condución superando os límites de velocidade sinalados e alcoholemia) con un requisito máis: poñer en perigar concreto a vida ou a integridade das persoas. Neste suposto, si a pena é de prisión: de seis a dez anos, podendo ser de seis a doce anos cando se conduce con manifesto desprezo pola vida dos demais.

De todos os xeitos, a condución temeraria era unha conduta xa existente no Código Penal antes da reforma; sendo a única novidade neste delito que se considera tal aínda que non se poña en perigo concreto a ninguén, o que con leva tamén unha importante redución na pena a impoñer.

Xa por último, dicir que tamén para os que circulen tras a perda total dos puntos do permiso de conducir, ou os que nunca o tiveran obtido (aínda que para estes a reforma entrará en vigor a partires do 1 de maio do 2008), a pena a impoñer será a de multa ou prisión, e non só ista última, como parece deducirse de moitas informacións que tiña lidas ate o de agora.

479 Palabras . Salomé Cancela . 03/12/07 . 19:50 . Permalink . Email . 291 views . Facer comentario

A chamada conducción temeraria.

Supoño que moitos se sorprenderían ó ver este titular na prensa: Absolto o condutor que ía a 260 por hora porque non provocou perigo.

O artigo 381 do Código penal establece no seu primeiro parágrafo que:

O que conducise un vehículo a motor ou un ciclomotor con temeridade manifesta e puxera en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas, será castigado coas penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata seis anos.

Tendo en conta o texto do artigo son precisos dous elementos para que nos atopemos ante este delito: por unha parte, conducir con temeridade manifesta; e por outra, poñer en concreto perigo a vida ou integridade das persoas". Esa conxunción "e" implica que sexan necesarias as dúas condicións. Esto é: que é requisito indispensábel que ademais dunha conduta en aparencia temeraria, se poña en concreto perigo a vida ou integridade das persoas.

Polo que se deduce da nova do xornal, no caso en cuestión non houbo ese concreto perigo, pois o vehículo foi captado por un radar por exceso de velocidade (non por ter participación nun accidente, por exemplo), e sen que os axentes que procederon á súa interceptación posterior manifestaran cal foi o perigo concreto causado a terceiros.

Dende este punto de vista, semella que a resolución en cuestión é axustada a dereito, aínda que o sentido común nos leve a pensar o contrario.

264 Palabras . Salomé Cancela . 19/03/07 . 12:16 . Permalink . Email . 328 views . Facer comentario

Visita á cadea

Eu non gosto nada de ir á cadea. Vou cando non me queda máis remedio; cando o meu cliente está ingresado nun centro penitenciario e teño que falar con el para preparar un xuízo. Pero aínda que se podería dicir que estou acostumada, non podo evitar un certo estremecemento cada vez que me achego á porta... Ás veces, fóra están os familiares dos presos, e non podo deixar de pensar o duro que é pasar por todo iso.

Normalmente, visito ós meus clientes no Centro Penitenciario de A Lama. A dinámica é sempre a mesma. Na entrada, un funcionario revisa o documento que acredita a pertenza ó Colexio de Avogados, onde aparecen os datos do interno e o procedemento de que se trata, e o D.N.I., lóxicamente; e anota a hora, o nome do letrado, do interno, e o número de pase que entrega. Non se pode pasar á zona de comunicación con teléfonos móbiles, nin con ningún outro obxecto agás as cousas de traballo, (papeis, bolígrafo, etc.). Unhas pequenas caixas embutidas serven para deixar todo o demáis.

Pasado o arco de detección de metais, un pasillo acristalado leva á primeira porta, que non se abre ata que a seguinte esta pechada. Alí, outro funcionario comproba de novo a identificación, e abre a porta do patio. Estar entre dúas portas sen poder ir para adiante nin para atrás, xunto coa sensación de saberse vixiado en todo momento é algo difícil de explicar.

A segunda porta leva a un patio. Dende alí, vense os diferentes módulos, e non podes deixar de pensar como será a vida vista dende aí. Novo estremecemento por todo o corpo.

A zona de comunicacións non é máis agradábel. A parte reservada ós familiares está separada da dos profesionais, así que nunca tiven a oportunidade de ver como se desenrolan as visitas ós presos. Na parte dos xulgados e avogados, hai oito locutorios. Separados entre si por paredes de cemento, o espazo para o avogado consiste nun pequeno cubículo duns dous metros cadrados, coas paredes pintadas en gotelé amarelo, un pequeno mostrador de obra para apoiar os papeis, e unha cadeira verde de plástico. E, por último, a pequena luz verde do interfono e o cristal que separan do cliente. Dicir que é deprimente é pouco.

Resúltame moi difícil falar cunha persoa que está na cadea. Nunca pregunto porqué está alí (moitas veces, non ten nada que ver co que me levou a min). Limítome a falar do tema que temos en común, e intento non pensar en que faría para ter que estar no centro. Creo profundamente no dereito de defensa, así que intento facer ben o meu traballo, sen prexuízos. O demáis, non é asunto meu. Pero cada vez que escoito a alguén dicir cousas coma "pois vou á cadea, e listo, que che dan de comer e durmir gratis..." non podo deixar de pensar a pouca importancia que lle damos a algo tan fundamental como a liberdade.

519 Palabras . Salomé Cancela . 15/03/07 . 15:23 . Permalink . Email . 138 views . Facer comentario

Avogado de oficio, ou como sentirse a última mona

Por vocación e porque me gusta moito o dereito penal, son avogado da quenda de oficio, e fai uns días tocoume estar de garda para a asistencia a detidos. Avisáronme para que, ás dez da mañá, estivera no xulgado de garda para celebrar un xuízo rápido por un delito contra a seguridade do tráfico (alcoholemia). Como xa vou sabendo de que vai a cousa en canto á puntualidade se refire, pareime a tomar un café, así que cheguei un cuarto de hora tarde: pequena rifa do funcionario polo retraso, e presa polo membro do Ministerio Fiscal (en prácticas) por falar e intentar chegar a unha conformidade. Pido desculpas, copia do expediente, un minuto para botarlle unha ollada, e outro para falar con... ¿onde está o imputado?

No medio de tanta presa, ninguén se dera conta de que o imputado aínda non chegara... Así que xa me deu tempo a facer as cousas con calma. Con tanta, de feito, que vin o asunto con detalle, achegueime á Sección de Menores da Fiscalía a facer unha asistencia (un rapaz de quince anos ó que pillaron intentado sacar un videoxogo dun centro comercial sen pasar pola caixa), e a tomar un café tranquilamente. E o meu cliente sen aparecer.

Así que a iso das doce, e cando xa o xuíz ditara orde de detención contra el, funme (non sen certa pena porque non se presentase) esperando a que o detiveran para celebrar o xuízo.

Avisáronme ó día seguinte ás once menos dez, con moito apuro: que fose o xulgado canto antes, que o Fiscal (xa non o de prácticas) tiña que estar na Audiencia Provincial en breve. Dixen que tardaría uns vinte minutos, saín correndo sen conseguir anular unha cita, en quince minutos conseguín chegar ó Xulgado de Garda, e cal non foi a miña sorpresa (e o meu cabreo) cando me entero de que o Fiscal saíra a facer o que tiña que facer, e a Policía aínda non chegara co detido. Pregunto: ¿para que me chaman, entón? ¿E que o meu tempo e o meu traballo non teñen ningún valor?

Saín, moi digna, dicindo que non me volveran a avisar ate que non estiveran todos alí. Pasou un bo anaco ata que me chamaron de novo. Ás doce e media, xa estivera dúas veces no calabozo falando co meu cliente, conformara có Fiscal, explicáralle a situación á súa dona... e faltaban o Xuíz e o Secretario, os cales aínda tardaron unha media horiña máis en aparecer pois estaban traballando noutros asuntos.

Conseguín saír do xulgado case dúas horas e media despois de que chegara; e iso, que o meu traballo o tería feito, ó ser un caso sinxelo, en non máis de quince minutos. Pero, aínda que recibín as desculpas do Fiscal por non terme avisado, non deixei de sentirme mal. Pois nin isto é a primeira vez que pasa (así o poderían corroborar moitos compañeiros), nin será a derradeira.

528 Palabras . Salomé Cancela . 01/03/07 . 16:23 . Permalink . Email . 146 views . Facer comentario

:: Páxina seguinte >>